Cartel do FF9
8, 9, 10 de Maio - 2025
The Undertones
Pioneiros dos sons punk e power pop, a influencia de The Undertones transcendeu xeracións: dende The Clash e Buzzcocks até Green Day, Blink-182 e The Offspring. O debut da banda irlandesa foi en 1978 con “Teenage Kicks”, descrita polo lexendario DJ John Peel como “a canción perfecta”. Pódela escoitar aquí ao lado… e en directo en Lugo no Facela Fest.
Sábado, 10 de maio
Christina Rosenvinge
Aterran no Facela Fest 2025 a voz íntima e as letras afiadas dunha veterana da escena ibérica. A súa música é un diálogo entre o fráxil e o contundente, mesturando con mestría indie, folk e electrónica. Unha artista sen etiquetas e creadora de atmosferas que penetrarán a túa pel e ficarán na túa alma durante infinitos eóns por vir e máis alá.
Venres, 9 de maio
Grande Amore
Electrónica orgánica, guitarras que berran, e moito amore no aire. Un concerto de saudade cósmica ao que saltar sen rede. Do Premio MIN a Mellor álbum en galego 2024, a súa discográfica di que “non é o que mellor canta, non é o que mellor toca, non é o que mellor baila… mais si o más ruidoso”. Xa sabedes, Grande Amore: “ni canta ni baila, no se la pierdan”.
Sábado, 10 de maio
VVV [Trippin'you]
“Toda la puta vida igual!, retrousan os VVV [Trippin’you] no evocativo tema Zugzwang (tedes un sample aquí mesmo), un termo xermano usado no xadrez para definir —máis ou menos— a “obriga de mover peza, aínda que sexa para peor”. Nós estamos convencidos de que no concerto deste mediocre e agresivo trío madrileño habedes mover todo o taboleiro sen obriga ningunha.
Sábado, 10 de maio
Kokoshca
Os navarros Kokoshca cántanlle con estoicismo ao futuro sen futuro en La juventud, o seu último disco. Encétano cunha gravación do ‘vello rockeiro’ Pepe Mujica reivindicando que “a vida foxe” e que “non se pode mercar no supermercado”; un leit motiv que acompañan do clásico son Kokoshca: riffs e melodías, certeiros puñais que che espetan no peito.
Sábado, 10 de maio
Margaritas Podridas
Banda mexicana que salienta na escena rockera polo son cru e experimental. Recoñecidos polo seu potente directo, sendo teloneiros de bandas como IDLES, Melvins ou The Smashing Pumpkins, Margaritas Podridas —actualmente en Hopeless Records, tras pasar por Sub Pop— chegan a Lugo co EP Mugre Morada baixo o brazo.
Venres, 9 de maio
Stompin' Riffraffs
Se en 2023 che gustaron os The Neatbeats, este ano traémosche dende o underground xaponés outro godzilla musical: Stompin’ Riffraffs. Un tsunami de garage e rock’n’roll, que se chega a ser máis primitivo veríalos en branco e negro (igualiño que no seu videoclip “Horror Show”). Aproveitamos para lembrarvos que o teléfono de emerxencias é o 112.
Venres, 9 de maio
Marcelo Criminal
Algo debe ter este artista murciano para que Nacho Vegas colaborase con el no seu tema “El día que murió Pedro Sánchez”; ou para que Carolina Durante e Amaia versionasen a canción “Perdona (Ahora Sí Que Sí)”, outro dos éxitos de Marcelo Criminal, cantautor único na súa especie. “Pero, que é o que fai?”, preguntaraste; pois, el mesmo o di: “Mala música para gente sensible y moderna”.
Sábado, 10 de maio
Las Petunias
Ritmo frenético e letras cheas de carraxe retranqueira evolucionadas dende o seu Nunca no he llorado (EP, 2023) ao Creo que soy de porcelana (LP, 2024). O tema “Marcelo Criminal” (si, amigues, o mesmo Marcelo Criminal que estará no Facela Fest 2025!) soa tal que así: “¿No me dejas entrar porque no soy guapa? / Pues te jodes, las Petunias esas hoy no cantan”.
Sábado, 10 de maio
Black Ends
Camiñan entre o rock alternativo escuro e o art-folk, con reverberacións do grunge de Seattle, mais desafiándoo cunha actitude rebelde. O seu EP Stay Evil foi producido polo afamado Jack Endino (coñecido polo seu traballo con Nirvana). Ao Facela Fest 2025 chegarán coas súas letras crípticas sobre alienación social, cantadas cunha forza única pola vocalista Nicole Swims.
Xoves, 8 de maio
Pladür
Montados en Toneladas de Diversión, o seu novo LP (inter)estelar, os Pladür levan meses voando por toda Galicia, con incursións en territorio ibérico e británico, onde obtiveron un botín de crítica e público. A súa nave non dispara balas, senón proxectís de punk rock iconoclasta, que non matan mais que che farán pedir a “Baja por Diversión”.
Xoves, 8 de maio
Moloch
Os versos do poeta vigués Jorge Cuña Casasbellas fanse carne de rock progresivo grazas ao traballo de Moloch. Contundencia na batería, distorsión na guitarra e onirismo no teclado para adentrarnos no universo místico deste autor rebelde e maldito e deixarnos nel perdidos e abandonadas.
Venres, 9 de maio
Los Revelators
Los Revelators beben de MC5 e The Sonics, de Blue Oyster Cult e The Stooges, de The Stems e The Cynics… Beben deles até emborrachárense dun cocktail de garage, punk rock, surf e psicodelia que nos conduce desde o Pacífico dos sixties até o New York dos seventies, facendo parada no eterno Detroit. Abofé que non ficarás con sede!
Sábado, 10 de maio
Terror Erótico
Ingredientes para unha sesión de electrónica de baile: colle un pouco de pop e outro tanto de punk; engádelle unha présa de techno e unha manchea de electro; finalmente salpimenta con abundante noise e decora con letras ácidas. Resultado = Terror Erótico, unha deliciosa banda que che baterá con forza no ceo do padal.
Venres, 9 de maio
As Ánimas
Unha incógnita, un misterio, un enigma. O segredo mellor gardado do Facela Fest 2025. Son As Ánimas, caras familiares e plenamente consolidadas nos escenarios de música independente do país. Mais caras, polo momento, descoñecidas. Se a edición deste ano xa viña vibrante, só faltaba que tamén trouxese unha banda sorpresa.
Sábado, 10 de maio
Jade 4
Jade 4 formouse en Lugo en 2022 e está integrado polas lucenses Nuria (guitarra e voz) e Lucía (baixo e voz), e mais o ordense Uzal (batería). Carolina Durante, La Paloma, Viva Belgrado ou Menta están entre os seus referentes musicais. En 2023 sacaron o seu primeiro single “Cuando no me conozcas” e en 2025 teñen previsto que saia a luz o seu primeiro EP, que están a gravar no tamén lucense Kollapse Stvdio.
Venres, 9 de maio
Lorahacepam!
“Grupo de música cualquiercosista” é como eles mesmos se presentan. Son os Lorahacepam! e a túa cabeza vaiche facer pim e o teu corazón vaiche facer pum co seu son cru e as súas letras doentes. Un pim pam pum de amarga rexouba e escura algueirada sobre o escenario que poden provocar un ‘siniestro total’ entre o público.
Sábado, 10 de maio
Vente xa!